Neko

2.2.06

A nosa gaita


Somos moitos os do norte os que non podemos evitar sentir algo especial cando oímos a gaita invocando as brumas, cando sentimos o seu son brotar inundando o ar de maxia.
A gaita é un instrumento de vento. A máis simple consiste nun tubo perforado -o punteiro- dentro dun odre-o fol- que reserva o ar. O ar entra polo fol a través dun segundo tubo que consta dunha válvula que impide a saída do ar que procede do gaiteiro que o ten entre os seus brazos, comprimindoo para manter o que se denomina "tempero".
A pesar do que moitos pensamos, a gaita ou cornamusa non ten a súa orixe nos pobos celtas. A súa orixe está difusa no tempo. As primeiras noticias da súa existencia remóntanse ao século VIII antes de Cristo, no norte da India. Máis tarde na Idade Media utilizouse para darlles valor aos soldados antes dunha batalla, pero caeu en desuso. Só nos pobos costeiros do norte e oeste de Europa seguiuse utilizando. Aqueles pobos conservarían o seu sonido e incorporaríano ao seu folclore, que hoxe definimos como celta.
Hoxe en día as gaitas evolucionaron ata acadar o nivel de perfección artística. O seu primeiro avance foi incorporarlle outro tubo que lle da unha nota continua e que é hoxe unha das caracteristicas típicas, o roncón.
Os primeiros foles eran da pel de pequenos animais tales como cabras, ovellas...
As gaitas modernas teñen foles de pel de ovella adobada, cortada dunha maneira determinada e máis tarde cosida. As máis cobizadas son as feitas con pel de ovella irlandesa.
Hai moitos tipos de gaita cuxo modelo intenta defender tradicións musicais. Así podemos encontrar gaitas de distintos sitios: a galega, asturiana, portuguesa , zamorana, escocesa, irlandesa, bretoa..., pero todas elas teñen en común algo, que teñen dobre lingüeta no soprete. Aínda que a galega se considera única por ter dous tubos, roncóns, fronte ás demais que presentan un ou máis de dous.
Pero iso si,todas sen excepción, defenden e dan espírito a unhas tradicións e valores históricos que seguirán vixentes no transcurso dos anos no son das súas notas.